HISTORIA

BAIXO MIÑO

Avelaíña ten a súa orixe no ano 1997, froito da unión e loita por un recurso específico na comarca do Baixo Miño (Pontevedra), onde non existía ningún recurso de atención á saúde mental e onde os psiquiatras que se desprazaban cada 15 días a A Guarda deixaran de facelo. Avelaíña comezou atendendo as necesidades básicas de saúde mental dun grupo reducido de persoas no antigo colexio “Manuel Rodríguez Sinde”, situado no municipio de A Guarda. Desde alí comezou a prestar atención a toda a comarca do Baixo Miño (Concellos de Santa María de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui).

No ano 2006 a Asociación logrou a cesión polo Concello da Guarda da Escola Unitaria da Portela, co obxecto de establecer alí a súa sede. En 2007, Avelaíña comezou a prestar aí os seus servizos, onde actualmente se atopa a sede principal da asociación, un Centro de Rehabilitación Psicosocial e un Piso Supervisado.

VAL MIÑOR

O proceso de expansión da asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Guarda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 a asociación solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.

O Condado e A Paradanta

No ano 2016, traballadoras sociais das comarcas de O Condado e A Paradanta (comarcas eminentemente rurais) detectan a gran urxencia e necesidade de atención e solicitan a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois se trata dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade, con dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e con un acusado envellecemento. Tendo isto en conta, a Asociación Avelaíña decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención á saúde mental en O Condado e A Paradanta no ano 2016, continuando co proceso de expansión. Deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas.