O Concello de Nigrán e Avelaíña fortalecen a súa alianza pola saúde mental co impulso ao Programa Acompaña
O Concello de Nigrán e a Asociación Avelaíña Saúde Mental veñen de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa Acompaña durante o ano 2026, reafirmando así o seu compromiso coa inclusión social das persoas con enfermidade mental grave no Val Miñor.
O Programa Acompaña é unha iniciativa pioneira na comarca que aposta por unha intervención centrada na persoa e no seu entorno, facilitando a súa participación activa na comunidade e promovendo a súa autonomía e calidade de vida. O proxecto busca mellorar as habilidades persoais e sociais necesarias para a vida independente, favorecendo a integración comunitaria e a recuperación das persoas usuarias.
Desde a Asociación Avelaíña sinalan que este programa nace da necesidade de dar resposta ás dificultades que atopan moitas persoas con enfermidade mental á hora de desenvolver unha vida plena nos ámbitos social, laboral, educativo e de lecer. O estigma social segue sendo unha barreira importante que limita a participación na comunidade e dificulta os procesos de recuperación.
A través do Programa Acompaña, a entidade desenvolve intervencións de acompañamento e apoio sociocomunitario, que inclúen tarefas da vida diaria como o fomento dos autocuidados, a organización doméstica, a xestión económica, a realización de compras, a preparación de comidas ou o acompañamento en trámites e citas sanitarias. Estas actuacións están adaptadas ás necesidades de cada persoa mediante programas individualizados de atención e poden realizarse tanto no domicilio como na contorna comunitaria.
A colaboración do Concello concrétase nunha achega económica de 15.000 euros para o ano 2026, destinada a garantir a continuidade deste servizo esencial para a comarca. Esta liña de apoio enmárcase nunha traxectoria de colaboración iniciada no ano 2023, consolidando unha cooperación estable entre a administración local e a entidade social. Así mesmo, O alcalde de Nigrán, Juan González, puxo en valor o labor de Avelaíña e o impacto positivo que este programa ten na vida das persoas participantes
Juan González, achegouse tamén á sede de Avelaíña na Guarda, onde puido coñecer de primeira man os servizos que se desenvolven e participar nunha sesión de “embárrate”, una actividade terapéutica vinculada á creación artística. Ademais, o alcalde colabora coa entidade a través da adquisición de pezas de cerámica elaboradas no marco dos seus programas.
