Nigrán, 22 de xullo de 2025 – O Concello de Nigrán e Avelaíña Saúde Mental firman o convenio de colaboración do Programa Acompaña, unha iniciativa pioneira na comarca do Val Miñor que busca promover a inclusión social das persoas con enfermidade mental grave a través do apoio comunitario.
Este programa representa unha nova forma de intervención centrada na persoa e no seu entorno, facilitando a súa participación activa na comunidade.
O alcalde de Nigrán, Juan González, manifestou o seu compromiso coa asociación para seguir colaborando en prol da saúde mental, destacando a importancia de sumar esforzos para construír unha sociedade máis inclusiva e consciente.
Este programa nace da necesidade de dar resposta ás dificultades que presentan moitas persoas con enfermidade mental para levar unha vida plena nos ámbitos social, laboral, educativo e de lecer. O estigma social asociado aos trastornos mentais continúa sendo unha barreira importante para a participación comunitaria, o que agrava o malestar psicolóxico e dificulta a recuperación.
De este xeito, a entidade realiza intervencións de acompañamento e apoio sociocomunitario con persoas da comarca, centradas en actividades da vida diaria como a hixiene persoal, os autocuidados, a realización de compras, a preparación de comidas, a xestión da economía doméstica ou a tramitación de documentación administrativa.
A colaboración do Concello de Nigrán concrétase cunha achega económica de 10.000 euros, que permitirá dar continuidade a este servizo esencial para a comarca.
