Avelaíña Saúde Mental pasa a formar parte da IN RED Galicia, a asociación empresarial que agrupa entidades non lucrativas do ámbito da discapacidade en Galicia.
Con esta incorporación, Avelaíña reforza o seu compromiso cunha saúde mental comunitaria, conectada co territorio e aliada con outras voces que traballan por un cambio real no ámbito social.
A través da IN RED Galicia, Avelaíña poderá participar en proxectos compartidos, espazos de aprendizaxe colectiva e accións de incidencia a nivel autonómico, fortalecendo así o seu labor e impacto.
“Formar parte da IN RED Galicia permítenos seguir aprendendo, colaborando e facendo rede”, sinala o xerente de Avelaíña, Rafa Álvarez.
IN RED Galicia constitúese como un espazo plural e horizontal, onde entidades de diferentes comarcas e perfís colaboran para promover modelos alternativos de coidado, baseados na participación activa das persoas usuarias e na defensa dos seus dereitos.



