A Guarda, 8 de xullo de 2025 — A sede da Asociación Avelaíña en A Guarda acolleu esta mañá a visita da Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Dª Begoña Abeijón Fernández, nun acto que puxo en valor o traballo das entidades sociais na atención ás persoas con discapacidade por enfermidade mental.
O encontro contou tamén coa presenza de representantes de FEAFES Galicia, entre eles o seu director, D. Antonio Hernández, a Coordinadora de Desenvolvemento Organizativo, Dª Vanesa Fernández e Ana Escrigas, Coordinadora de comunicación.
A comitiva foi recibida por Rafa Álvarez, Xerente de Avelaíña, e polo responsable do Centro de Avelaíña en A Guarda, Jose Iglesias, quen guiaron aos asistentes nun percorrido polas instalacións, explicando os diferentes programas e servizos que se desenvolven na Asociación.
Posteriormente, celebrouse unha reunión de traballo na que presentaron á Directora Xeral, os servizos que Avelaíña ofrece no ámbito da saúde mental, así como as principais necesidades actuais da entidade. O obxectivo do encontro foi explorar novas canles de colaboración coa Consellería de Política Social para garantir a mellora dos recursos destinados ás persoas usuarias.
Durante a visita, Abeijón Fernández destacou “o compromiso da entidade coa inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental”. Pola súa banda, Rafa Álvarez, Xerente de Avelaíña, sinalou que “a colaboración entre administracións e entidades sociais é clave para avanzar en dereitos e oportunidades para todas as persoas”.



