A Asociación Avelaíña Saúde Mental foi distinguida co Premio ao Mérito Social na primeira edición dos Premios Menina Sarmiento, organizados polo Concello de Ponteareas. Este galardón recoñece o compromiso e a labor social desenvolvida pola entidade en favor da saúde mental e do benestar das persoas na comarca.
Para Avelaíña, é unha honra ser a primeira organización en recibir este recoñecemento, que pon en valor máis de dúas décadas de traballo continuado na atención, acompañamento e integración das persoas con problemas de saúde mental, así como na promoción da prevención e sensibilización social.
“Este premio é un estímulo para seguir traballando con ilusión e responsabilidade, reforzando a nosa misión de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental” sinala Rafa Álvarez, Xerente da entidade.
Avelaíña agradece ao Concello de Ponteareas esta iniciativa que visibiliza o esforzo das entidades sociais e anima a seguir colaborando para construír unha comunidade máis solidaria.



