O Concello de Gondomar e a Asociación Avelaíña veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a práctica deportiva como ferramenta de mellora da saúde mental. O acordo, rubricado polo alcalde Paco Ferreira e a presidenta de Avelaíña, Neves Piñeiro, contempla unha subvención de 2.000 euros destinada ao desenvolvemento do programa “Fisicamente activo, mentalmente saudable no Val Miñor”.
Este proxecto ten como obxectivo fomentar hábitos de vida saudables entre persoas con enfermidade mental, axudándoas a comprender o exercicio físico como parte esencial dun estilo de vida equilibrado e a desfrutar do deporte como fonte de benestar. A iniciativa responde á necesidade de reducir o risco de obesidade asociado á condición mental, aos hábitos sedentarios e aos efectos secundarios dalgúns tratamentos farmacolóxicos.
O programa inclúe formación en alimentación equilibrada e actividades deportivas adaptadas, como natación, exercicios de ximnasio, ciclismo e sendeirismo, entre outras. Durante o ano 2025, 30 persoas usuarias participaron nesta proposta, organizadas en grupos segundo criterios clínicos, funcionais e cognitivos, garantindo así a seguridade, a eficacia terapéutica e a participación activa.
Con esta colaboración, Gondomar reafirma o seu compromiso coa inclusión e a saúde mental, apoiando iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas e fortalecen o tecido social do Val Miñor.



