O Concello de A Guarda cede 30 anos máis a Escola de A Portela á Asociación Avelaíña

A Guarda, 17 de xullo de 2025 – O Concello de A Guarda vén de renovar a cesión do edificio da antiga Escola de A Portela á Asociación Avelaíña por un período de 30 anos máis. Esta decisión, reafirma o compromiso institucional co labor social e comunitario que desenvolve a entidade no ámbito da saúde mental.

A Escola de A Portela, ademais de ter a súa sede, a entidade realiza os seus servizos de rehabilitación psicosocial e conta cun piso protexido, ofrecendo apoio integral ás persoas con problemas de saúde mental e favorecendo a súa autonomía e integración na comunidade.

Dende a cesión do ano 2005, a Asociación Avelaíña vén realizando melloras no edificio grazas ás subvencións recibidas, o que permitiu adaptar o espazo ás necesidades dos servizos e garantir unhas condicións dignas e accesibles para as persoas usuarias.

Ademais da cesión gratuíta da Escola de A Portela, o Concello tamén lle cede á entidade unha parcela anexa, que permitirá ampliar e mellorar os espazos destinados ao desenvolvemento das actividades do Centro de Rehabilitación Psicosocial e do piso protexido, reforzando así a capacidade de atención e a calidade dos servizos prestados.

“Esta cesión é un recoñecemento ao traballo constante e comprometido que realizamos desde Avelaíña. Supón estabilidade e confianza para seguir medrando e ofrecendo servizos de calidade ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias”, sinalou Rafa Álvarez, Xerente  da entidade.

A Asociación Avelaíña é un referente en saúde mental en Galicia, cunha traxectoria consolidada e recoñecida pola súa implicación social, profesionalidade e capacidade de innovación nos servizos que presta.

O alcalde Roberto Carrero, destacou a importancia de apoiar proxectos que fomentan a cohesión social e o benestar da cidadanía, especialmente nun ámbito tan sensible como é a saúde mental.

A Asociación Avelaíña agradece profundamente este xesto de confianza e reafirma o seu compromiso coa comunidade guardesa, traballando día a día por unha sociedade máis xusta, inclusiva e saudable.

Scroll al inicio