Unha delegación da Dirección de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde visitou hoxe as instalacións da Asociación Avelaíña para coñecer de primeira man o funcionamento dos seus recursos especializados en rehabilitación psicosocial.
A comitiva estivo integrada por Almudena Díaz Pereira, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental e por Yolanda Triñanes, Xefa do Servizo de atención a Saúde Mental e Integración psicosocial e Trastorno Mental grave do SERGAS.
As representantes do SERGAS visitaron os tres Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) que Avelaíña xestiona en Ponteareas, A Guarda e Baiona, así como o piso protexido, un recurso esencial para promover a autonomía e a vida independente das persoas usuarias. A visita rematou no Centro de Baiona, onde supervisaron as obras realizadas grazas á concesión da subvención destinada ao desenvolvemento de programas de interese xeral no ámbito dos trastornos mentais graves que financia o SERGAS.
A visita supón un recoñecemento ao traballo de referencia que Avelaíña desenvolve no territorio, consolidado ao longo de máis de dúas décadas de coordinación co sistema público de saúde.
Durante a visita, a delegación do SERGAS amosou interese pola metodoloxía de intervención e pola coordinación cos dispositivos sanitarios da zona.
O Xerente da entidade, Rafa Álvarez, destacou que “En Avelaíña traballamos por riba das exixencias do concerto para garantir unha atención comunitaria, centrada na persoa e de alta calidade. Para sostela, é necesario complementar o financiamento do SERGAS con outras fontes que permitan responder axeitadamente ás necesidades das persoas usuarias.”
Engadiu tamén que “A saúde mental comunitaria continúa a presentar importantes limitacións: escaseza de recursos, dispositivos saturados e dificultades nas derivacións e na coordinación. Todo isto condiciona o noso labor e evidencia a urxencia de reforzar os servizos públicos.”
Este encontro reforza o traballo conxunto entre o sistema sanitario público e o terceiro sector, clave para garantir unha atención integral en saúde mental.
Novo contrato co SERGAS, cofinanciado pola Unión Europea
O pasado 1 de xaneiro de 2026, Avelaíña formalizou un novo contrato co Servizo Galego de Saúde para a provisión de prazas nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral. O acordo, identificado co expediente AB-SER4-25-003, abrangue o lote 16 (Vigo Sur) e terá unha duración de dous anos, con opción de prórroga dun ano adicional.
O contrato está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027, fortalecendo a continuidade e a calidade da atención psicosocial, así como o desenvolvemento de metodoloxías innovadoras e centradas na persoa.



