O Concello de Tui concedeu á Asociación Avelaíña Saúde Mental unha subvención de 7.000 euros para o desenvolvemento do proxecto “Fisicamente activo, mentalmente saudable”, dirixido ás persoas usuarias da entidade no municipio.
Esta achega supón un importante incremento respecto ás colaboracións de anos anteriores e permitirá reforzar as actividades de promoción da saúde, o benestar emocional e a inclusión social das persoas con problemas de saúde mental.
O proxecto “Fisicamente activo, mentalmente saudable” promove hábitos de vida saudables a través da actividade física e da participación comunitaria, favorecendo a inclusión social, a autonomía persoal e o benestar integral das persoas con problemas de saúde mental. Ao longo do ano desenvólvense actividades como sendeirismo, petanca, tenis de mesa, fútbol, actividades acuáticas e obradoiros comunitarios, que contribúen á mellora da saúde física e emocional, fortalecen as relacións sociais e apoian os procesos de recuperación das persoas participantes
Desde Avelaíña Saúde Mental agradecen o compromiso do Concello de Tui e destacan a importancia deste apoio para continuar desenvolvendo iniciativas que xeran un impacto positivo na saúde mental e no benestar da cidadanía.



