Avelaíña Saúde Mental denuncia a preocupante situación que atravesa a atención á saúde mental no rural galego, especialmente nas comarcas de O Condado e A Paradanta. Nos últimos meses estanse a producir importantes perdas de recursos asistenciais e comunitarios. «Estamos indo para atrás», advirte a entidade.
Un exemplo é o traslado temporal da Unidade de Saúde Mental (USM) que viña prestando atención en Ponteareas. Despois de anos de reivindicacións para achegar este servizo á comarca, a USM regresou recentemente a Vigo. Non hai información clara sobre cando volverá estar dispoñible para a veciñanza de O Condado e A Paradanta.
A esta situación súmase a incerteza sobre o programa ACHEGO. Trátase dun servizo comunitario de proximidade en saúde mental, desenvolvido por Avelaíña desde 2017 e plenamente consolidado no territorio. Atópase hoxe en risco de desaparición por falta de financiamento estable. A entidade xa alertara desta situación en xullo, trasladando a súa preocupación tanto aos alcaldes e alcaldesas da comarca como á Xunta de Galicia —administración competente na materia e que ata agora vira financiando o programa—, sen que ata o momento se concretase unha resposta institucional que garanta a súa continuidade.
Detrás destes recursos hai entidades como Avelaíña, que traballamos a pé de rúa, pel con pel coas persoas e as súas familias. Somos quen sostemos no día a día unha loita contra os problemas de saúde mental que non deixan de medrar, en número de persoas afectadas e en intensidade das súas necesidades. Cando faltan recursos públicos, é ese traballo de proximidade o que absorbe a presión, ata os seus límites.
«As persoas con problemas de saúde mental poden levar unha vida plenamente normalizada cando contan cos apoios adecuados. Poden asumir responsabilidades familiares, laborais e sociais, participar na súa comunidade e mesmo exercer como coidadoras de familiares en situación de dependencia. Para que isto sexa posible, é fundamental unha rede suficiente de apoios sanitarios, sociais e comunitarios. O que limita a autonomía das persoas non é o trastorno mental en si, senón a falta de recursos e de acompañamento», sinala Rafa Álvarez, xerente de Avelaíña Saúde Mental.
A atención á saúde mental non pode limitarse á asistencia clínica. Require acompañamento social, programas comunitarios, apoio ás familias, recursos de rehabilitación e coordinación efectiva entre os ámbitos sanitario, social, educativo, laboral, residencial e comunitario.
A perda temporal da USM de Ponteareas ou a desaparición de ACHEGO suporían un novo golpe para a igualdade no acceso á saúde mental no rural: máis desprazamentos e menos apoios de proximidade, xustamente os que máis facilitan a recuperación e a inclusión social.
Por iso, Avelaíña Saúde Mental fai un chamamento claro e prioritario ás administracións públicas competentes: garantir un financiamento estable e continuado do programa ACHEGO, como condición mínima para que este recurso de proximidade non desapareza. A esta esixencia súmase a necesidade de recuperar a atención especializada perdida na comarca e de impulsar unha planificación que asegure, a longo prazo, unha atención digna e accesible para as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.



