A actividade, organizada por Avelaíña Saúde Mental en colaboración co Concello de Tomiño e co IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, enmárcase nos actos do Día Mundial da Saúde Mental e levará por título “Fai Match coa túa Saúde Mental
A Asociación Avelaíña Saúde Mental, en colaboración co Concello de Tomiño, organizará o próximo martes 6 de outubro un coloquio co psicoterapeuta e divulgador Luis Muiño, dirixido ao alumnado do instituto de Tomiño, con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental.
A actividade levará por título“Fai Match coa túa Saúde Mental”, seguindo o lema da campaña deste ano, e pretende abrir un espazo de diálogo e reflexión coa mocidade sobre cuestións fundamentais para o benestar emocional, as relacións de apoio, a expresión dos sentimentos, a importancia de pedir axuda cando se necesita e os factores que protexen a saúde mental durante a adolescencia.
O encontro celebrarase no Auditorio de Goián, no municipio de Tomiño, e permitirá ao alumnado participar activamente nunha conversa próxima e dinámica cun dos divulgadores de psicoloxía máis recoñecidos do panorama estatal. Luis Muiño conta cunha ampla traxectoria profesional como psicoterapeuta e desenvolve unha intensa actividade divulgativa a través de medios de comunicación, conferencias e do coñecido podcast “Entiende tu Mente”.
Desde Avelaíña destacan que a adolescencia é unha etapa clave para a promoción da saúde mental e para a prevención do malestar emocional, polo que consideran fundamental achegar á mocidade mensaxes rigorosas, accesibles e adaptadas aos seus espazos habituais de comunicación.
Co obxectivo de que os contidos deste encontro cheguen a un número moito maior de adolescentes de toda Galicia, a actividade contará co apoio da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, que financiará a gravación do evento, a elaboración de contidos audiovisuais e a súa difusión a través das redes sociais. Grazas a esta colaboración, os principais momentos do coloquio transformaranse en materiais divulgativos adaptados a plataformas como Instagram, Facebook e TikTok, ampliando significativamente o impacto da iniciativa máis alá das persoas asistentes.
Entre os materiais previstos inclúense unha peza audiovisual principal, varias cápsulas breves para redes sociais e versións accesibles mediante subtitulado, co fin de facilitar a difusión de mensaxes de sensibilización e prevención entre a poboación xuvenil galega
Avelaíña Saúde Mental sinala que este tipo de accións contribúen a normalizar as conversacións arredor da saúde mental, combater o estigma e fomentar que as persoas mozas identifiquen as súas redes de apoio e saiban onde acudir cando atravesan momentos de dificultade emocional.
“Fai Match coa túa Saúde Mental” forma parte das actividades impulsadas con motivo do Día Mundial da Saúde Mental 2026 e reforza o compromiso de Avelaíña Saúde Mental, do Concello de Tomiño, do IES Antón Alonso Ríos e do SERGAS coa promoción do benestar emocional e a prevención en idades temperás.



