O alcalde Juan González visita Avelaíña para coñecer o traballo realizado no programa Vivindo Saúde, financiado polo Concello de Nigrán
Juan González, alcalde de Nigrán visitou o centro de Avelaíña para coñecer de primeira man, todo o traballo realizado, dentro do programa “Vivindo saúde que financia o Concello.
Este programa pioneiro no Val Miñor, dirixido a persoas con enfermidade mental grave, é unha nova forma de apoio comunitario e de inclusión na comunidade, así o explicaban no acto de presentación, a psicóloga e educadora social, encargadas do programa.
Os usuarios, pola súa banda, tamén explicaron a súa experiencia e os beneficios do servizo. Durante o ano 2024 esta entidade realizou 217 intervencións de acompañamento e apoio sociocomunitario con usuarios da comarca para traballar con actividades da vida diaria, como é a hixiene persoal, autocuidados, compras ou elaboración da súa propia comida, ou tamén a economía do fogar ou trámites administrativos. Este programa que ofrece Avelaíña vén determinado pola necesidade de responder as dificultades que presentan as persoas con enfermidade mental para o desenvolvemento dunha vida plena, tanto no ámbito social, laboral, educativo ou de lecer. O peso do estigma social asociado aos trastornos mentais dificulta a participación social e o vínculo coa comunidade, incrementando en consecuencia, o malestar psicolóxico da persoa.