Avelaíña continuará na  Casa do Mar de Baiona durante 18 anos máis grazas á prórroga da Tesourería

A Tesourería Xeral da Seguridade Social anunciou a prórroga da cesión do local da Casa do Mar de Baiona á Asociación Avelaíña, dedicada á atención e apoio de persoas con problemas de saúde mental na comarca do Val Miñor

Baiona, 7 de maio de 2025 – Esta mañá, tivo lugar a firma da escritura de cesión do local, un acto formalizado pola presidenta da Asociación Avelaíña, Neves Piñeiro, e o Director Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Vigo, Juan Agustín Herrera De  La Rubia.

Deste xeito, a entidade poderá  continuar empregando este espazo por 18 anos mais para dar servizo as personas con problemas de saúde mental e as súas familias na comarca do Val Miñor.

A presidenta de Avelaíña, Neves Piñeiro, expresou a súa gratitude pola decisión da Tesourería Xeral da Seguridade Social: «Esta prórroga é fundamental para que poidamos seguir ofrecendo os nosos servizos sen interrupcións. Agradecemos profundamente o apoio contínuo e a confianza depositada na nosa labor.»

Desde a primeira cesión, en 2013, a Asociación realizou varias obras de acondicionamento no local. A primeira reforma, cun investimento de máis de 30.000 euros, permitiu iniciar a actividade coa instalación eléctrica, circuíto de calefacción, pintura e fontanería, entre outros. En 2020, grazas a unha subvención de 22.000€ da Consellería de Sanidade, mellorouse a accesibilidade do local, ampliando as portas de acceso e construíndo un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida.

En 2024, recibe outra subvención por importe de 35.234€ a través da Convocatoria de IRPF e da Consellería de Política Social e Xuventude, para a instalación dun sistema de climatización de aerotermia, substituíndo a calefacción central de gasoil por un sistema máis eficiente e ecolóxico para o Centro.

O Director Xerente da Asociación, Rafa Álvarez, tamén mostrou a súa satisfacción coa prórroga: “Moitas destas axudas económicas, procedentes de Administracións Públicas, esixen un mínimo de anos na cesión dos locais  ao tratarse de obras de investimento a longo prazo. Por iso, é importante contar con esta prórroga para acceder ás devanditas axudas”-

Scroll al inicio