Este mércores, 10 de setembro, o Concello de Baiona e a Asociación Avelaíña Saúde Mental sumáronse á conmemoración do Día Mundial para a Prevención do Suicidio cun acto simbólico que tivo lugar ás 12:00 h na Praza do Concello.
A actividade consistiu na lectura do Manifesto e na formación dunha cadea humana, símbolo de unión, apoio e compromiso colectivo coa saúde mental e coa prevención do suicidio. O obxectivo foi visibilizar a importancia da saúde mental, romper o estigma e fomentar a implicación social ante unha problemática que afecta a milleiros de persoas.
Ao acto asistiron o alcalde de Baiona, a Concelleira de Servizos Sociais e membros da corporación municipal, profesionais e usuarios da Asociación Avelaíña, así como veciños e veciñas sensibilizados coa causa.
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), 1 de cada 100 mortes no mundo é causada por suicidio. En España, no ano 2024, faleceron 3.846 persoas por esta razón, sendo a segunda causa de morte non natural.
Desde Avelaíña lembran que a saúde mental non é só unha cuestión individual, senón que está profundamente condicionada polas circunstancias sociais, económicas e culturais. Os determinantes sociais poden provocar un sufrimento profundo que, en casos extremos, deriva en suicidio, sendo unha urxencia social que require medidas firmes e eficaces.
Este tipo de accións buscan avanzar cara a unha transformación social que permita deixar de sufrir a millóns de persoas, promovendo unha sociedade máis xusta, empática e comprometida coa vida.