A Deputación de Pontevedra concede unha subvención a Avelaíña para promover a accesibilidade universal

A entidade pon en marcha o Proxecto Neuroavanza, centrado na rehabilitación cognitiva e na inclusión dixital das persoas con problemas serios de saúde mental

A Asociación Avelaíña Saúde Mental vén de ser beneficiaria da subvención máis inclusiva concedida pola Deputación de Pontevedra, dirixida a entidades sociais para a promoción da accesibilidade universal. A axuda, cun importe total de 8.927,61 euros, permitirá impulsar novas actuacións fundamentais para mellorar a autonomía, a inclusión social e a calidade de vida das persoas con problemas serios de saúde mental.

Grazas a esta subvención, Avelaíña pon en marcha o Proxecto Neuroavanza, unha iniciativa orientada a paliar o deterioro cognitivo, formar e fomentar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta clave para eliminar barreiras de comunicación, evitar o illamento social e promover a autonomía persoal das persoas usuarias do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) de Ponteareas, así como doutros programas desenvolvidos pola entidade.

O proxecto contempla a adquisición de equipos informáticos, que servirán como soporte esencial para a posta en marcha das distintas actuacións previstas, ao tempo que supoñen unha mellora significativa no desenvolvemento das actividades habituais do centro. De maneira transversal, este investimento permitirá tamén, a medio e longo prazo, integrar as novas tecnoloxías noutras actividades e programas de Avelaíña, reforzando o seu carácter inclusivo e accesible.

Entre os recursos adquiridos destaca unha licenza do software de rehabilitación cognitiva NeuronUP, xa en uso no CRPL de Ponteareas. A utilización desta ferramenta supón un avance salientable na intervención terapéutica, ao permitir traballar de maneira personalizada diferentes áreas cognitivas, adaptándose ás necesidades específicas de cada persoa usuaria.

Scroll al inicio