Carlos Gómez Prado, ex alcalde de Baiona e actual deputado provincial, visitou esta mañá o centro da Asociación Avelaíña en Baiona, onde compartiu un café coas persoas usuarias e co equipo profesional da entidade.
Nun ambiente de proximidade e diálogo, Gómez Prado interesouse pola situación persoal das persoas usuarias, así como polas dificultades ás que se enfrontan no seu día a día en materia de saúde mental. Durante o encontro, mostrou unha actitude receptiva e unha clara vontade de escoita, tomando nota das peticións e necesidades expostas para a mellora da atención en saúde mental na comunidade.
A visita continuou cunha reunión de traballo coa xerencia e a dirección da asociación, na que participaron Rafa Álvarez, xerente de Avelaíña; Neves Piñeiro, presidenta da entidade; e Natalia Guisande, responsable de xestión interna. Neste encontro, o deputado provincial interesouse pola situación xeral da asociación e polas dificultades estruturais e de recursos que afronta para manter e desenvolver os servizos de saúde mental na comunidade.
Desde Avelaíña valorouse positivamente a visita e a disposición amosada por Carlos Gómez, destacando a importancia de que as institucións coñezan de primeira man a realidade das persoas con problemas de saúde mental e das entidades que traballan no ámbito comunitario.



