O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Nuria Lameiro, visitou esta mañá a sede da Asociación Avelaíña na Guarda co obxectivo de coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta entidade no ámbito da saúde mental.
Durante a visita, a comitiva realizou un percorrido polas instalacións do centro, onde puideron achegarse aos distintos programas e actividades que se levan a cabo. Posteriormente, tiveron ocasión de visitar o obradoiro de cerámica, un dos espazos máis destacados da entidade, onde mesmo se animaron a “embarrarse” e experimentar coas súas propias mans o proceso de elaboración das pezas.
O alcalde de Gondomar destacou o valor do traballo que se realiza en Avelaíña, sinalando que “quedo sorprendido do magnífico traballo que realizan”. Así mesmo, convidou a outros responsables municipais a coñecer o obradoiro: “invito a outros alcaldes a que visiten este espazo e descubran as pezas que realiza esta entidade, para que poidan facer encargos”. Ferreira tamén quixo agradecer “abrirnos as vosas portas e a vosa xenerosidade”.
Pola súa banda, o xerente de Avelaíña, Rafa Álvarez, subliñou a importancia deste tipo de visitas institucionais: “é un orgullo contar con alcaldes como Paco, implicados e que se interesen pola nosa asociación e polo noso traballo, e que ademais compartan con nós unha mañá probando as actividades que realizamos”.
A visita enmárcase nas accións de sensibilización e visibilización do traballo que Avelaíña desenvolve a prol da inclusión social e do benestar das persoas con problemas de saúde mental. Neste sentido, ponse especial énfase en iniciativas como o obradoiro de cerámica, un espazo que busca darse a coñecer entre entidades e institucións, ofrecéndolles a posibilidade de experimentar de primeira man o proceso creativo, descubrir as pezas que se elaboran e compartir unha xornada participativa e enriquecedora na que gozar do traballo co barro.



